Saturday 04 de May de 2024

O concello e a consellería do Medio Rural celebran o Día Internacional dos bosques cunha plantación de castiñeiros


Os asistentes tamén puideron coñecer o labor do Servizo de prevención e extinción de incendios.

A Laracha acolleu hoxe o acto central na provincia da Coruña da Consellería do Medio Rural para conmemorar o Día Internacional dos Bosques.

A iniciativa, levada a cabo en colaboración co Concello, consistiu nunha plantación de vinte e cinco exemplares de castiñeiros no monte Carboeiro que realizaron corenta e catro alumnos e mestres de 5º e 6º de primaria do CEIP Cidade Vella da Coruña.

Por parte do Concello asistiu o alcalde, José Manuel López Varela, e en representación da Consellería do Medio Rural, o Distrito Forestal II Bergantiños-Mariñas Coruñesas, coa presenza de axentes medioambientais, unha brigada e un vehículo motobomba, e o Xefe do Servizo de Montes, Iñaki Bergaretxe, e persoal dese mesmo servizo.

Grazas a todos os profesionais presentes no acto, os rapaces, ademais de plantar os castiñeiros, tamén puideron coñecer o labor do Servizo de prevención e extinción de incendios, incluíndo o funcionamento da motobomba.